jueves, 14 de mayo de 2015

TEMOS DOUS ACCÉSITS NO CERTAME POETA AÑÓN!

A profe chegou un día á clase cunha idea: Escribir poesías para o XIX CERTAME DE POESÍA FRANCISCO AÑÓN de Outes. Ao principio iso de que nos diran cartos para libros non nos interesou tanto pero en canto nos dixo que podían ser da temática que quixéramos, ata de fútbol! motivámonos máis. ;)
O primeiro que fixemos foi escudriñar as bases do concurso e relacionalas coa competencia matemática. Chegamos á conclusión que podíamos presentarnos a dúas categorías xa que na nosa clase hai nenos e nenas que teñen 7, 8 e 9 anos. Competiríamos nas categorías A e B e se gañábamos nas dúas teriamos 210 € para a biblioteca da aula xa que os traballos serían feitos entre todos e todas como unha actividade enmarcada na área de lingua.

Unha vez feito este traballo comezamos a traballar a tipoloxía textual da poesía. Fomos recopilando palabras que rimaban e que se nos ían ocurrindo, entre outras actividades e lecturas. Non é fácil traballar poemas con nenos e nenas tan pequenos así que o que fixemos foi partir dos xa escritos e varialos para facer os nosos utilizando como metodoloxía o traballo colaborativo. Tamén utilizamos como guión e para sacar ideas este DOCUMENTO que atopamos na rede. 

Aquí vos deixamos o resultado.
Estes poemas foron expostos polos nenos e nenas nunha actividade que resultou moi motivadora chamada "LECTURAS EN FAMILIA" realizada o 23 de Abril, DÍA DO LIBRO. As familias viñeron contarnos e lernos contos e poemas que a eles lles gustaban especialmente. Tamén nós lles fixemos a presentación do noso traballo (uso social dos textos escritos) e outros contos que temos na biblioteca de aula. Se queredes ver como quedou podedes vela na web do centro picando AQUÍ.

Por certo!  Obtivemos dous ACCÉSIT COMPARTIDOS en sendas categorías cos poemas con título: "RIMAR E MULTIPLICAR" e "O POEMA DA AUGA". O acto de presentación dos gañadores e recollida do libro editado cos galardoados do ano pasado é este sábado ás 19.00 horas na Casa da Cultura de Outes. Fermosa e produtiva forma de celebrar as  LETRAS GALEGAS! Non vos parece?

Dende aquí mil grazas aos compañeiros e compañeiras do grupo AÍOVAI por ensinarme a ver o proceso de escritura dende outra perspectiva (a construtivista) e por aportar tan boas e eficaces ideas no traballo das tipoloxías textuais. Xeniais!

Ah! Moitos dos poemas están inspirados no proxecto da India que estamos realizando! Pero iso será outra entrada...

lunes, 11 de mayo de 2015

XORNADA DE DEBATE AIOVAI EDUCACIÓN

Este ano formo parte dun grupo de persoas ás que lles gusta á educación e pensan que outra escola é posible. Estes compañeiros e compañeiras e máis eu temos varias cousas en común: gústanos a educación, gústanos as TIC (o software libre, isto foi un descubrimento!), cremos nunha escola democrática, pública, e inclusiva e potenciadora dos valores que a sustentan e cremos tamén que a aprendizaxe prodúcese construindo os propios coñecementos e coa guía dos adultos.
Persoalmente, eu estou aterrizando, pero creo que teño moito que aprender deles!
O día 16 de Maio organízase en Bertamiráns (Ames) a primeiras xornadas de debate AIOVAI. Convídote dende aquí a que asistas e xulgues por ti mesmo. O cartel é de luxo, a xente do CECEC, Teresa Neira... Boísimo e diferente!
Para máis información visita a páxina web do evento picando na imaxe, so tes que inscribirte.


jueves, 7 de mayo de 2015

TAREFA: TIPOS DE PAISAXES... E ALGO DE POESÍA.

No tema de coñecemento do medio estivemos aprendendo os diferentes tipos de paisaxes. 
Primeiro realizamos un mapa mental para organizar as nosas ideas. Escollín un esquema ao chou. Como cada un rodeara da cor que quixo, funlles preguntando, por grupo, que cor querían e decíndolles a paisaxe que lle tocara.


Despois estiveron deliberando e decidindo que cousas lles ían facer falta para realizar a súa pequena maqueta. Algunhas tíñanas na clase, outras deberían traelas. Por suposto, ninguén tiña que comprar nada. Apuntáronas  nunha especie de contrato no que adquirían  unha serie de compromisos que debían cumprir. Aquí vos deixo o exemplo dun dos grupos. Asinamos e todo! Era algo serio! Varios compañeiros e compañeiras dependían da nosa palabra! Eu revisei todo o que puxeran e dinlles o visto bo.


Pasou a fin de semana polo medio e fixemos a actividade. A verdade é que, por enriba das miñas expectativas,  todos participaron e foron moi responsables coas súas tarefas. O luns xa tiñamos na aula todo o necesario. 
Así de chulas lles quedaron!

SELVA:

POLO:

DESERTO:

CHAIRA:

COSTA:

BOSQUE:

MONTAÑA:


A exposición está ao lado da porta na nosa clase xunto co ficheiro de animais:


A partir desta temática (e de outras) estivemos facendo poemas para presentar a un concurso de poesía, o Certame Francisco Añón de Outes, como teñen que ser inéditos non vos podo revelar o bonitos que quedaron antes que o xurado decida, pero déixovos aquí as primeiras estrofas de "PAISAXES DE POESÍA" feito a partir do poema de Antonio Machado "La plaza tenía una torre". Collemos esa estrutura acumulativa, estivemos "desmenuzando" o poema e despois aportando ideas. Así,  mentras a profe escribía na pizarra, os nenos e nenas concentráronse en exprimir os miolos variando a estrutura orixinal co aprendido. Había que ir do xeral ao particular porque se non ao chegar ao cuarto verso xa non nos quedaban palabras que poñer! Este foi o resultado:

PAISAXES DE POESÍA

O bosque ten árbores,
as árbores teñen polas,
as polas teñen niños 
e os niños paxariños.

O deserto ten oasis,
os oasis teñen palmeiras,
as palmeiras teñen cocos 
e os cocos teñen leite.

A costa ten cantís,
os cantís teñen rochas, 
as rochas teñen area
e a area ten cunchas.

(...)

Ata aí podo ler!

Xa vola ensinarei enteira porque quedoulles realmente bonita! E tamén as outras oito que fixemos a partires de diferentes técnicas e poemas... Pero esa será outra entrada... :)

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...