miércoles, 12 de noviembre de 2014

TALLERES DO OUTONO (COOPERATIVOS E POR COMPETENCIAS)

Esta actividade fixémola xa hai case un mes, pero non tivera tempo de subila antes!
O primeiro paso para levala a cabo foi que os nenos e nenas anotaran na axenda que tiñan que traer da casa froitos e follas do outono. A verdade é que as familias pórtanse de marabilla e alí apareceron noces, castañas, follas xa catalogadas e de moitos tipos, laranxas, landras... Un montonazo de cousas!
Así que con tanta materia prima organizamos unha tarde de traballo cooperativo por competencias centrada na temática do outono.
Somos 20 así que fixemos cinco equipos de catro persoas. Os equipos eran heteroxéneos, creo que xa falara outra vez da técnica dos círculos, cadrados e triángulos que vin no blog JUSTIFICA TU RESPUESTA. 
Feitos os equipos a cada un dos membros foille asignado un rol. Así, os máis inquietos eran os e as encargadas da orde, os máis desordeados do material, os máis tímidos foron os portavoces. Tamén había escribientes.
Este é un exemplo de grupo:

Distribuín o traballo en cinco mesas distintas de maneira que os equipos permanecían quince minutos en cada mesa de tarefas. Unha vez rematado o tempo cambiaban de mesa. Foi pola tarde e levounos sobre unha hora e media. 
As competencias que poño a continuación van pola LOE. Somos de 2º así que, de momento, ainda nos reximos por esta lei. ;)

- MESA 1.  COMPETENCIA MATEMÁTICA. Con dúas bandexas cheas de noces e castañas a actividade consistía en: contar as noces, contar as castañas e sumar as cantidades. O resultado era unha suma levando. (Perdón pola calidade das imaxes)


- MESA 2. COMPETENCIA LINGÜÍSTICA. Nesta mesa había unha bandexa con plastilina e castañas. Tiñan que crear un caracol e describilo.


- MESA 3. COMPETENCIA ARTÍSTICA E CULTURAL. Crear debuxos a partir de follas e escribir de que árbore era esa folla (aproveitando que un neno xa as trouxo así catalogadas coñecemos o nome do que nos rodea)


- MESA 4. COMPETENCIA PARA APRENDER A APRENDER E MATEMÁTICA. Clasificamos as follas segundo diferentes criterios que eles tiñan que establecer: grandes, pequenas, anchas, estreitas, verdes, marróns, rotas...


- MESA 5. COMPETENCIA DIXITAL. No ordenador e por turnos xogaron a diferentes xogos do outono nos que se traballaba o vocabulario relacionado con esta época do ano, o manexo do rato e a creatividade e que saquei da recopilación que ten Ana Martínez Rey no seu blog. Que sería de nós sen ti Ana! 


Ao día seguinte gardamos unha hora de clase para avaliar o traballo. Primeiro avaliamos as tarefas do grupo en xeral, despois a nosa responsabilidade individual dentro do grupo e, por último, a tarefa en si mesma. Desto non hai fotos porque o fixemos na pizarra e non me din conta!
A pesares de pequenos incidentes, que non imos negar,  a verdade é que o fixeron moi ben, estiveron moi atentos traballando e negociando como facer as tarefas, cada un na medida das súas posibilidades, e colaborando en equipo.
O máximo problema foi o follón que se monta. Cada vez falan máis alto e estar alí vólvese un pouco insoportable. Traballábamos como en Finlandia pero á española, é dicir, "cos decibelios por enriba das posibilidades auditivas dun adulto"  jeje! Eles encantados! 
Grazas tamén que Marta, a profe de PT, nos axudou e estivo pendiente dos grupos onde había nenos con NEAE. Por momentos creo que se nos imos e os deixamos sos non se dan nin conta co entretidos que estaban.


Cada vez teño máis claro que se queres que os nenos e nenas aprendan tes que deixalos crear e manipular, sobre todo canto máis pequeno é o alumnado. Pero bueno, aínda aos adultos nos pasa... Por moitos vídeos de you tube ou explicacións que che den ata que non o fas non te atopas coas dificultades e non tes que atoparlles solución, polo tanto, non o aprendes!






2 comentarios:

  1. Gústame moitísimo o teu taller cooperativo de outono. Tomo nota axiña ji ji e moitísimas grazas pola mención, amiga miña. Unha gran aperta.

    ResponderEliminar

  2. Hola: acabo de descubrir tu blog y me gusta mucho la variedad de temas que tratas vinculados con la educación. En este momento me interesan mucho este tipo de reflexiones por lo que he creado un blog dedicado a los jóvenes y al uso que hacen de las nuevas tecnologías. Te invito a visitarlo: http://cativodixital.blogspot.com.es/ Si quieres seguimos en contacto. Este taller que nos propones es fabuloso. Yo ya me hice seguidora de tu blog.

    ResponderEliminar

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...