jueves, 21 de enero de 2016

TIPOLOXÍA TEXTUAL: OS CARTEIS

Na primeira avaliación estivemos traballando cos carteis. Comezamos mandando unha nota ás casas para que os nenos e nenas trouxeran carteis reais e colgámolos nun dos corchos para que quedaran ben visibles. As notas sempre as escribimos nós.


Puxémonos en grupos e fomos respontando a preguntas facilitadoras para deducir e observar como se fan os carteis e que características teñen: 

  1. Que tipo de letra se soe usar nos carteis?  
  1. Como soe ser esa letra? Escribe tres adxectivos sobre a letra dos carteis.
  1. Que utilizan os deseñadores dos carteis para chamar a nosa atención?
  1. Busca nos carteis cinco nomes propios e tres comúns.
  1. Cal é a norma de ortografía dos nomes propios?


Algunhas destas preguntas están relacionadas co formato e outras coa forma, tamén había preguntas nas que tiñan que localizar datos ou realizar cálculos matemáticos, para outras necesitaban buscar no dicionario e incluso buscar en Internet información, por exemplo: 

  1. Cal é o produto máis barato as cebolas ou as mazás? Por que o sabes?
  1. Se a miña nai sae ás 21:00 horas, pode levarme a ver o teatro? Razoa a túa resposta.
  2. Que significa a palabra “tributo”?
  3. A que festa podes ir en bus o día 12 de Outubro? 
  4. Investiga porque é festivo ese día.
Unha vez feito isto, entre todos e coa axuda da profe fomos facendo un documento sobre as principais características dos carteis que imprimimos e plastificamos para usar en posteriores ocasións.

Como non, o seguinte paso foi facer os nosos propios carteis, aquí xurdiu un pequeno debate de se eran carteis o que íamos facer ou murais, chegamos á conclusión de que eran murais porque non tiñan nin hora nin lugar onde se celebraba a actividade (noutro post comparto a nosa proposta de murais). A temática destes murais foi as normas da clase, unha vez máis puxémonos en grupos, eleximos unha norma da clase que xa fixeramos entre todos e todas e dispuxémonos a convertila nun mural para expoñelo no corcho. Estivo moi ben porque todo o alumnado trouxo ao día seguinte as imaxes e os materiais cos que se comprometeu, nunguén se olvidou dos 21! Está claro que cando se implica aos rapaces na súa aprendizaxe suceden cousas incribles como esta. Así de ben quedaron.




Para facer uns verdadeiros carteis propúxenlles facelos no ordenador, ademais para ser a aprendizaxe máis significativa as súas creacións ían ter unha función social que era avisar aos usuarios da biblioteca das actividades que se desenvolven nos recreos. Aprenderon e practicaron un montón de cousas sobre edición en procesadores de texto. Este foi o resultado.


Gustariame destacar chegados a este punto que dentro da miña aula traballamos varios profes xuntos. Conto con horas de apoio de profesorado con dispoñibilidade horaria. A profe de PT está regularmente tamén dentro. Organizar isto non é fácil... Non o vou negar, fáltanme coñecer referencias e experiencias onde este sistema se leve a cabo e non se limite a que "ti séntaste con este que vai mal". Fáltanme experiencias por desgraza... pero como son moi terca e creo profundamente  na inclusión educativa, mirei, preguntei e investiguei onde puiden.

Grazas aos sabios consellos dunha compañeira do seminario que estou cursando decidín facer rincóns rotatorios como en infantil. O profe de primaria estaba no ordenador, a profe de PT axudando aos nenos e nenas con NEAE e eu correxindo os murais cunha rúbrica na que se avaliaba se as letras do texto eran máis grandes e chamativas, se o cartel era creativo, se se trouxera o material, se se revisara a ortografía, se tiña imaxes... Cada un adicado a unha tarefa e eu con tempo para avaliar e reflexionar con eles sobre os seus traballos.

Non sei se pode ser interesante pero vou poñer aquí algúns rincóns que levo feito a nivel de 3º de primaria para poder realizar estas actividades de corrección de forma máis personalizada ou, sinxelamente, para que aprendan doutra maneira máis aló dos libros de texto :

- Rincón do supermercado. Compramos e vendemos coa axuda dos folletos publicitarios, traballamos cos cartos e todo o que esto implica: Sumas, restas (dar cambios), decimais... 


- Rincón das multiplicacións. Entendemos a mecánica da multiplicación con contas de cores e agrupando de tres en tres, de cinco en cinco... Logo comprobamos que a nosa predicción é a correcta.


- Rincón do ordenador. Aprendemos a usar o editor de textos: cambiar o tamaño e a cor das letras, negriña, suliñado, copiar e pegar unha imaxe...


- Rincón das fraccións. Eles aínda non o sabían pero estaban manipulando o material co que ían traballar as fraccións, Eu dinlles as pezas e saíron cousas realmente creativas.


- Rincón das marionetas. Inventamos historias. 

- Dominó de restas. 

- Sumas e restas coa técnica do folio xiratorio e comprobando resultados coa calculadora. 

- Rincón do dicionario. Lemos o conto coa técnica das lecturas compartidas e buscamos as palabras que non entendemos.


Aprender e facer as cousas doutra forma é posible en primaria! ;)

Recordo que na miña aula hai varios nenos e nenas con NEAE e NEE, tamén os hai rubios, morenos, delgados, faladores, tímidos, con gafas... 


3 comentarios:

  1. Estou totalmente dacordo coa metodoloxía que sigues! O traballar por recantos é axeitado para calquera idade!!
    Ademais, penso igual, a motivación é a clave da aprendizaxe!!

    ResponderEliminar
  2. Un traballo fantástico, Patri. Unha aperta.

    ResponderEliminar
  3. Noraboa Patri!! Un traballo precioso!! Gracias por compartilo, collo ideas e ánimo dentro das miñas posibilidades!! Un saudiño. Isa

    ResponderEliminar

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...